Saturday 04 de May de 2024

Cariño contará cunha zona de escalada deportiva no pico O Cravadoiro


• A actuación levará a cabo en colaboración coa Federación Galega de Montañismo e pódese executar grazas a un convenio coa Comunidade de Montes da parroquia de Landoi.

• Instalaranse 50 vías con químico homologado e está previsto que a instalación estea dispoñible para o próximo verán.

O Concello de Cariño, en colaboración coa Federación Galega de Montañismo, creará unha zona de escalada deportiva no pico ‘O Cravadoiro’, situado na parroquia de Landoi. A asociación Vos Corzos de Ortegal, con sede no municipio, asesorou ao concello na elección da zona.

A actuación, que ten un orzamento de máis de 7.000 euros, executarase a través da Federación Galega de Montañismo, que se encargará da instalación de 50 vías con químico homologado, de maior durabilidade que outros materiais, e tamén se encargará da limpeza da zona, o deseño dos carteis informativos e a revisión e mantemento anual dos puntos creados.

Está previsto que os traballos comecen ao redor dos meses de marzo e abril e o tempo estimado de duración dos traballos é dun mes. Para poder realizar este proxecto o Concello asinou un convenio coa Comunidade de Montes da parroquia de Landoi para a cesión dos terreos por un período inicial de 4 anos, prorrogable. A cambio, o concello encárgase do mantemento do punto e dos accesos.